Adxudicadas as obras que completarán a rede de saneamento do concello de Irixoa

1 minutes read

O contrato foi adxudicado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á empresa BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas, S.L., por un importe de máis de 260.000€. As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello para impulsar a mellora da rede de saneamento da parroquia de Irixoa, conformada por varios núcleos.

A parroquia de Irixoa dispón de estación depuradora de augas residuais e un tramo do colector xeral que chega ata a parte central da zona urbana do núcleo. O obxectivo é ampliar a rede de saneamento co fin de dar servizo ao resto de núcleos que conforman a parroquia, e completar así dita rede.

A intervención consistirá no desenvolvemento de 5 ramais en tubaxe, que se instalarán nas marxes das estradas existentes, entre elas, a vía autonómica AC-151 e a provincial DP-0905.

Isto permitirá que as augas residuais recollidas se vertan en dous puntos da rede de saneamento actual que as conducirá ata a depuradora. Tamén se instalarán 3 pozos conectados por tubaxe de PVC para unir todas as vivendas á rede na marxe contraria da estrada DP-0905.

Esta nova obra dará servizo a unha poboación de 177 habitantes para o ano horizonte 2041 que, sumada á xa conectada á depuradora, suporá 242 habitantes para ese ano.