A Xunta de Goberno Local acordou, na reunión ordinaria celebrada este mércores, adxudicar as subvencións municipais dirixidas ás asociacións culturais, clubs deportivos, centros de ensino e Anpas para o desenvolvemento de actividades de interese xeral, así como aos deportistas locais máis destacados.
41 beneficiarios, que son 36 entidades e 5 deportistas individuais, percibirán a través desta liña de axudas un total de 150.500 euros, cun incremento de máis do 10 % do importe total (17.250 euros) con respecto ao ano anterior xa previsto nos orzamentos municipais do exercicio en curso.
O acordo foi tomado a proposta da Comisión de Valoración, encargada de analizar as solicitudes presentadas e de establecer a contía das axudas en base aos diferentes criterios estipulados na convocatoria. Valorouse a actividade permanente de cada beneficiario, o número de eventos organizados, o volume de persoas participantes e, no caso dos clubs deportivos, a existencia de categorías inferiores e a cifra de fichas federativas, entre outras pautas.
No apartado de deportistas individuais tivéronse en conta os resultados en competicións dos diferentes ámbitos xeográficos. Neste caso a convocatoria foi dirixida a aqueles deportistas que non realizaron a súa actividade como parte dun club, asociación ou entidade beneficiaria desta mesma liña de axudas.
Este importante esforzo económico soamente é unha parte da colaboración do Concello con estes clubs e asociacións, aos que tamén se presta un continuo apoio organizativo para o desenvolvemento das súas actividades, cedendo ademais, en moitos casos, instalacións de titularidade municipal de xeito gratuíto.
