A Deputación da Coruña avanza na creación da Vía Verde de Santiago a Cerceda coa adxudicación das obras nos tramos de Oroso, Ordes e Cerceda-Tordoia. Ditas tarefas contan cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros cofinanciados polo ente provincial e os fondos europeos FEDER. As empresas adxudicatarias de cada actuación contarán cun prazo de 10 meses para levar a cabo os traballos. A primeira vía verde da provincia da Coruña construirase sobre as antigas vías do ferrocarril e terá unha lonxitude de 36,5 quilómetros, conectando os municipios de Santiago e Cerceda. A iniciativa forma parte da aposta do ente provincial por un novo modelo de mobilidade sostible na provincia coruñesa. A Vía Verde permitirá darlle unha segunda vida á rede ferroviaria abandonada, creando “unha alternativa segura para ciclistas e camiñantes, que evitarán circular polas marxes da estrada”, indicou o presidente provincial, Valentín González Formoso.
0