Adxudicadas, por 18.000 euros, as últimas reformas na reitoral de Cesullas, en Cabana

1 minutes read
  • Renovarase a cuberta con tella, substituirase a carpintería desgastada e colocarase un vidro de seguridade na galería

O Concello de Cabana de Bergantiños acaba de adxudicar as obras pendentes do proxecto de reestruturación da reitoral de Cesullas, cun orzamento de 17.789,75 euros. Culminarase así a primeira fase da reforma do inmoble para «asegurar a conservación do edificio e que calquera persoa poida acceder ao recinto en condicións de seguridade”, destacan desde o Goberno local.

Trátanse duns traballos que xa estaban contemplados no anterior proxecto de renovación e que quedaron pendentes polo contratista inicial. Anteriormente actuárase no teito do edificio, na cimentación, nos teitos, forxados ou nas vigas, entre outros elementos. Agora, completarase a intervención coa instalación dunha nova cuberta de tella cerámica, a disposición dunha nova carpintería de madeira de castiñeiro para a galería e un vidro de seguridade fixado sobre a mesma.

O prazo de execución das obras será de dous meses a partir do seu inicio. Con estas intervencións preténdese preservar a edificación para destinala a fins sociais, culturais, interpretativos e de promoción do patrimonio cabanés.