A Xunta adxudicou por importe de 22.065.902,43 euros a execución das obras de mellora dos accesos do novo Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC.
O contrato, que engloba o proxecto e a execución das obras, foi adxudicado á UTE Puentes y Calzadas Infraestructuras S.L.U. – Francisco Gómez y Cía., S.L.- Vázquez y Reino, S.L.
Os traballos teñen como obxectivo mellorar o modelo actual de accesos e adaptalos ao proxecto do Novo CHUAC e á mobilidade da contorna, a través dun esquema sinxelo e entendible por todos os usuarios.
O obxectivo desta intervención é dotar o Hospital Público da Coruña duns accesos máis funcionais, sinxelos e integrados, que faciliten a entrada aos distintos servizos e ao aparcadoiro e o funcionamento do complexo durante as obras.
Para iso, en primeiro lugar, prevese mellorar a conexión do CHUAC coa rede viaria de alta capacidade a través da AC-12 ou avenida da Pasaxe.
A conexión coa AC-12 realizarase mediante un enlace tipo trompeta e unha glorieta de 41 metros de diámetro, procurando en todo momento a máxima integración na contorna e o mínimo impacto.
Esta actuación permitirá, ademais, optimizar os accesos ao Hospital San Rafael desde a AC-12 ou avenida da Pasaxe.
En segundo lugar, prevese a execución parcial da vía perimetral que dará acceso directo aos distintos servizos do hospital e conectará coa rede viaria urbana en diferentes puntos. A configuración desta parte do anel perimetral do Novo CHUAC suporá a execución de 4 km de vías e 21 eixes diferentes.
En terceiro lugar, tamén se recolle a construción dun acceso provisional de saída cara á AC-10 durante a execución das obras para facilitar o seu desenvolvemento, así como a habilitación dun aparcadoiro tamén temporal ao oeste da rúa Curramontes con máis de 5.000 metros cadrados de superficie e 195 prazas de estacionamento.