Estas actuacións, adxudicadas á UTE Espina & Delfin, S.L. – Construcciones y Canalizaciones José Saa, S.L., teñen como obxectivo atallar as deficiencias no funcionamento do sistema de saneamento que non ten a capacidade necesaria para acadar os obxectivos de vertido de calidade na auga tratada, principalmente no verán, cando a chegada de turistas incrementa a poboación.
A intervención contan cun prazo de execución de 33 meses: os 3 primeiros para redactar o proxecto construtivo; 18 para a execución das obras; e 12 para a posta en marcha da nova depuradora.
Supón a construción dunha nova depuradora de augas residuais e dun tanque de tormentas, ademais de ampliar os bombeos e os colectores. Estes traballos enmárcanse na liña de apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento, abastecemento e depuración.
Esta depuradora situarase nun novo emprazamento, en Caldouceiro, terá un caudal máximo de 700 m³/hora e capacidade para atender 22.342 habitantes: con 2 liñas de desbaste, desareado-desengrasado, tratamento biolóxico por ultravioleta e liña de lodos.
O bombeo de cabeceira realizarase na avenida de Viveiro, onde chega o colector por gravidade que conduce as augas residuais desde o tanque de tormentas e o bombeo de Llas. A impulsión chegará ao punto alto, polo que non son necesarios bombeos intermedios.
Construirase tamén un novo tanque de tormentas, situado no punto baixo da conca principal, ao lado da actual depuradora. Será esta unha infraestrutura con capacidade de 1.000 m³, dotada de 3 bombas centrífugas somerxibles, medición de caudal, funcionamento autónomo con envío de datos. Ademais ampliarase o caudal e a capacidade dos bombeos de Llas 1 e Llas 2, dotándoos de medición de caudal, sistema de alarmas e funcionamento autónomo, tamén con envío de datos e asignación de consignas desde a depuradora.
Executaranse 4 novas impulsións: desde o tanque de tormentas, desde os bombeos de Llas 1 e Llas 2 e desde a avenida de Viveiro; e colectores por gravidade na avenida de Viveiro, de Llas 1 a Llas 2 e da depuradora ao medio receptor.
Unha vez rematada a construción da nova depuradora e constatado o seu bo funcionamento, procederase á demolición da depuradora actual.
Estas actuacións son cofinanciadas con fondos europeos FEDER, no marco do programa operativo 2014-2020.