- O 80% do orzamento está subvencionado con fondos europeos
Un ano despois da concesión dunha subvención de 1.713.295 euros da Unión Europea, que supoñen o 80% do orzamento, para converter o proxecto “Cicl-Ando Carballo” nunha realidade, o Concello xa ten adxudicadas case todas as obras incluídas nun plan que no que se atopa o acondicionamento de 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas, unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas e unha campaña de sensibilización en mobilidade sostible.
Entre as actuacións, que teñen un prazo de execución fixado en 30 meses, destacan:
- A continuidade da senda ciclo-peonil entre a Avenida de Bértoa e o polígono industrial, que foi adxudicada a Vázquez y Reino por un total de 278.398,14 euros.
- A conexión do polígono industrial de Bértoa coa estrada de Razo (DP-1902). Esta obra segue en contratación e conta cun orzamento de 91,270,76 euros.
- A conexión do carril bici na Avenida de Razo (DP-1902) co da Avenida de Malpica. A empresa López Cao é a encargada de realizar estas actuacións cun presuposto de 96.799,38 euros.
- A mellora do carril bici xa existente entre as rúas Poniente e Fábrica e a Avenida de Malpica (AC-414). Nalgúns tramos crearase un novo itinerario. Excavacións e Obras Candal conseguiu a adxudicación deste proxecto, que conta cun orzamento de 178.425,14 euros.
- A conexión do casco urbano co colexio Artai. Adxudicada á Desarolla por 178.444,60 euros.
- Senda ciclo peonil de regreso complementaria ao carril bici da Avenida de Razo (DP-1902). Proxecto adxudicado á Vázquez y Reino por un total de 460.563,45 euros.
- Senda ciclo turística Carballo-Razo. Esta actuación conta cun orzamento de 344.111,44 euros e está pendente de contratación.
- A conexión do casco urbano coa senda ciclo peonil da Avenida de Bértoa. A empresa López Cao encargarase deste proxecto valorado en 256.960,34 euros.
- Senda perimetral polígono de Bértoa. Cun orzamento de 110.894,35 euros, segue en contratación.
A rede de sendas vai máis alá do ámbito urbano xa que, ademais da funcionalidade de lecer ou turística, facilitará os desprazamentos por motivos laborais ou escolares. Como complemento crearase unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas en dez enclaves diferentes, cuxa execución xa foi adxudicada á empresa Globalia Urbanismo Integral SL por 37.788,97 euros. Entre ambas as medidas conseguirase unha redución no consumo enerxético de enerxía final do 15,52%.
O proxecto inclúe, por último, unha campaña de concienciación en mobilidade sustentable, que está agora mesmo tamén en fase de contratación. O orzamento total acada os 2.141.618,86 euros e a Unión Europea achegará o 80%, que é a máxima porcentaxe posible.