Adxudicadas varias obras no concello de Carballo por máis de 835.000 euros

2 minutes read
  • Máis de 300.000 euros irán adicados a varias actuacións do proxecto Cicl-Ando Carballo

A Xunta de Goberno Local de Carballo, que se reuniu este luns, adxudicou cinco obras por un importe de 837.144,55 euros, entre as que se atopan a ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga no lugar de Vella Morta, adxudicada á empresa Vázquez y Reino por 104.583,68 euros; ou a mellora da capa de rodaxe no treito de vía que vai dende Canosa (Rus) ata Pereiro Vello (Entrecruces), adxudicada por 238.992,77 euros á empresa Arias Infraestructuras. A rúa Perú tamén sufrirá unha reurbanización grazas aos traballos que realizará Vázquez y Reino por 188.266,01 euros.

No relativo ás actuacións do proxecto Cicl-Ando Carballo, levaranse a cabo varias obras distrubuidas en dous lotes. O primeiro deles inclúe a continuación da senda ciclista e peonil desde a Avenida de Bértoa ata o polígono industrial, e o segundo lote conectará o carril bici da Avenida de Razo co que se atopa no eixo Poñente-Fábrica-Avenida de Malpica. O investimento para estas obras, dentro das axudas FEDER, ascende a máis de 300.000 euros.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou as bases específicas e a convocatoria para a selección de dúas prazas de oficial de policía, incluídas na oferta de emprego público dos anos 2019 e 2020, cuxo procedemento de selección será por concurso de méritos mediante o sistema de mobilidade.

Entre os acordos adoptados tamén figuran os correspondentes á concesión de subvencións en materia deportiva, facturas por importe de 45.208,73 euros, licenzas urbanísticas e o prezo público do programa FormaCIP 2020, que será de 25 euros.

Ademais, a corporación municipal acordou tres convenios: un coa Fundación ECOTIC e a Asociación Ambilamp, para a recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, cunha vixencia máxima ata o 31 de decembro do ano 2024; outro coa Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia para autorizar a dous alumnos a realizar as súas prácticas profesionais nas piscinas municipais e un terceiro coa Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), para a implantación do sistema de xestión documental ARQA nos arquivos públicos municipais.