Adxudicado, na Xunta de Goberno Local, o contrato para a promoción do proxecto Cicl-Ando Carballo

Ayuntamiento de Carballo_GOOGLE MAPS

  • Tamén se acordou solicitar á Xunta unha achega de 140.103,97 euros para contratar a dez persoas perceptoras da Risga por 9 meses

Na Xunta de Goberno Local de Carballo, celebrada este luns, aprobouse a adxudicación de dous contratos de servizos: un relativo á campaña de promoción do proxecto Cicl-Ando Carballo por 20.568,79 euros, e outro referente á asesoría xurídica do Centro de Información á Muller (CIM). Este contrato contará cun orzamento de 17.424 euros e estará vixente durante un ano, con posibilidade de prorrogalo tres máis. Tamén se puxo en marcha o expediente relativo ao servizo de mediación e asesoramento profesional de seguros privados, por un prazo de 4 anos e un orzamento total de 336.233,16 euros.

Ademais, acordouse solicitar á Xunta unha achega de 140.103,97 euros para contratar a dez persoas perceptoras da Risga por un período de 9 meses. Realizarán tarefas de acondicionamento e mellora de espazos públicos. Por outra banda, aprobouse a concesión dunha subvención nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil por un importe de 25.000 euros para gastos.

Na sesión de hoxe tamén se deu conta da aprobación definitiva do proxecto de estatutos e bases de actuación para constituír a xunta de compensación da área de reparto do sector S-14 Calvo do PXOM, despois de que non se presentase ningunha alegación durante o período de exposición pública.

Outro dos asuntos tratados foi o da aprobación das actividades conmemorativas da inauguración da Praza Xela Arias, prevista para o vindeiro domingo, 16 de maio; así como o pago de facturas por importe de 21.914,19 euros e varias licenzas urbanísticas, entre elas dúas solicitadas por Fenosa para a instalación eléctrica nos lugares de Vilariño (Cances) e Cambrelle (Razo).

Fóra da orde do día saíu adiante a programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña para este ano, que inclúe 22 espectáculos de teatro, danza, maxia e contidos audiovisuais, cun orzamento total de 41.928,49 euros.