Adxudicado o contrato para mellorar o estado actual de dúas rúas do concello da Estrada


Cun prazo de execución de tres meses, os traballos previstos consistirán na mellora integral e na humanización das rúas Calvo Sotelo e Justo Martínez, dúas vías localizadas no núcleo urbano e que malia contar cuns servizos urbanísticos en bo estado, necesitan reforzar ou modificar parte das súas infraestruturas nalgúns puntos, ademais de instalar a sinalización correspondente.

En concreto, na rúa Calvo Sotelo levarase a cabo a súa peonalización, coa retirada de pivotes, a demolición do pavimento asfáltico, a instalación dun bordo perimétrico de granito e a pavimentación co mesmo material.

Do mesmo xeito, para mellorar o espazo destinado aos peóns no caso de Justo Martínez, procederase á ampliación dunha das beirarrúas nun ancho de 1,5 metros ao tempo que se elevará o pavimento asfáltico á mesma cota que as beirarrúas co obxecto de conseguir unha plataforma única, mellorando así a accesibilidade.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou este contrato, enmarcado nos obxectivos do chamado plan Hurbe, por un importe de 212.969,75 euros.