Trátase da primeira das actuacións que se impulsan no marco do chamado LIFE Insular, un proxecto transnacional cunha vixencia prevista de 5 anos e que ten como fin acadar a restauración integrada dos hábitats insulares dos arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora. En concreto, o contrato adxudicado pola Xunta inclúe accións para a mellora da estrutura e funcionalidade de dous tipos de hábitats propios destas illas a través da eliminación e control, mediante métodos manuais, de especies exóticas invasoras de flora. As actuacións que se van levar a cabo están planificadas ao longo do que queda de 2022 e durante todo 2023 e permitirán intervir sobre unha superficie total de 145,6 hectáreas. O obxectivo principal do proxecto LIFE Insular é promover un estado de conservación favorable dos hábitats de illas pertencentes á Rede Natura 2000 no Océano Atlántico, ao tempo que se aumenta a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático.