A nova Unidade de Hospitalización Infanto-Xuvenil estará ubicada Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo. O proxecto será redactado polos estudos de arquitectura Irisarri Piñera e Sabín Blanco Arquitectos, por un importe de 52.620 euros.
A nova Unidade, a segunda de Galicia, xunto coa existente en Santiago de Compostela, enmárcase na estratexia de Saúde Mental 2020-2024 coa que o Executivo galego incrementa os recursos dirixidos á poboación infanto-xuvenil. Así, este novo servizo asistencial incidirá dun xeito moi significativo na saúde dos pacientes, que con idades comprendidas entre os 12 a 16 anos, padezan algún tipo de doenza psiquiátrica.
A creación de dispositivos psiquiátricos destinados á poboación infantil e adolescente, mellorará o prognóstico destas patoloxías e a calidade de vida dos pacientes, dado que a maioría dos trastornos mentais crónicos inicianse durante esta etapa da vida.
O sur de Galicia contará cunha nova unidade de referencia para as doenzas vencelladas á Saúde Mental, contribuíndo a optimizar o tratamento daquelas patoloxías psiquiátricas que non podan manexarse de forma ambulatoria, ou que pola súa situación clínica extrema e alto grao de especialización nos seus coidados, non estea indicado o ingreso en Unidades abertas como o servizo de Pediatría.
A unidade distribuirá a súa estrutura en 622 metros cadrados, contemplando 6 habitacións individuais, sala de actividades grupais, comedor e terapia de grupo, ademais de áreas propias do persoal como control, despachos e zonas comúns.
A Unidade de Hospitalización Infanto-Xuvenil estará atendida por 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 terapeuta ocupacional, 1 celador e un amplo equipo de enfermaría especializado en saúde mental, que deben garantir a seguridade e coidado integral dos menores, as 24 horas do día.
