Adxudicado o proxecto de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo U-Space


O proxecto, cuxa licitación foi lanzada polo CDTI o pasado mes de agosto, foi adxudicado a Indra e Boeing, que serán as compañías encargadas de crear unha infraestrutura de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo en operacións nas que interveñen tanto vehículos aéreos non tripulados como tripulados.

Estas compañías, que xa actualmente son socios industriais da Xunta no Polo Aeroespacial, prestarán servizos de I+D para o desenvolvemento de solucións innovadoras, coa previsión de que en 16 meses, cara a mediados de 2023, o CIAR disporá dunha infraestrutura pioneira que consolide o Polo Aeroespacial de Galicia na vangarda do desenvolvemento de tecnoloxías e servizos vinculados cos vehículos aéreos non tripulados.

Este equipamento converterá o CIAR nunha infraestrutura de soporte para o desenvolvemento de tecnoloxía e regulamentación, contribuíndo a ampliar o mercado de usos civís destes vehículos e acelerar a xeración de actividade económica e industrial deste sector.
A iniciativa enmárcase na Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025, con 70 millóns de euros de investimento xa comprometidos e que ten como principais obxectivos consolidar pegada industrial arredor deste sector na Comunidade, impulsar a súa proxección internacional coa comercialización de novos produtos e tecnoloxías innovadoras con denominación de orixe galega, e a creación de emprego cualificado. Tres obxectivos que, tal e como se salientou no encontro, se recollen neste novo proxecto U-Space.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co director xeral do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), Javier Ponce. Na reunión abordouse a adxudicación por 12,75 millóns de euros do proxecto de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo U-Space que se desenvolverá no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei (Lugo), cumprindo así un dos primeiros fitos marcados para o novo marco de actuacións 2021-2025 do Polo Aeroespacial de Galicia.