Adxudicado o proxecto para reducir as infiltracións na rede de saneamento da Laracha

1 minutes read

A Xunta de Goberno Local, reunida este mércores na Laracha en sesión ordinaria, acordou adxudicar a Conscyc 2020 S.L. a execución do proxecto dirixido a reducir as infiltracións na rede de saneamento municipal, que contempla intervencións orientadas a mellorar o funcionamento dos colectores principais que conducen as augas residuais dos núcleos urbanos da Laracha e Paiosaco.

A actuación prevé a instalación dunha nova tubaxe soterrada na zona do Pino que atravesará a estrada DP-2404 á altura do Formigueiro. O obxectivo é evitar posibles rebordes na confluencia dos colectores existentes que poderían ocasionar verquidos antes da chegada á principal estación depuradora de augas residuais do termo municipal. Esta medida permitirá incrementar a eficiencia da rede e, por tanto, reforzar a sustentabilidade ambiental.

O orzamento ascende a 49.000 euros e a actuación será cofinanciada por Augas de Galicia ao abeiro da convocatoria para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para reducir as infiltraciones nas redes de saneamento municipal, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou concorrer á convocatoria de subvencións da Deputación da Coruña para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas. A finalidade sería cooperar cos gastos que supón a organización por parte do Concello deste tipo de iniciativas ao longo do próximo verán.

Por último, salientar a concesión de dúas licencias urbanísticas, unha para a rehabilitación dunha vivenda na parroquia de Cabovilaño e outra para a construción dunha nova vivenda unifamiliar na parroquia de Vilaño.