Adxudicado o servizo para obter as bases topográficas do Concello de Cee

O Instituto de Estudos do Territorio (IET), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acaba de adxudicar por 179.080 euros, IVE incluído, o servizo para a obtención de bases topográficas no concello de Cee, ao que tamén se unirán Ames, As Pontes e Coirós. O obxectivo principal desta iniciativa é acadar a realización de bases topográficas nestes municipios a tres escalas diferentes: 1/5.000, 1/2.000 e 1/1.000.

Cómpre ter en conta que a cartografía existente non está actualizada ou carece de definición e escala suficientes como para obter unha imaxe real dos seus territorios en canto a edificacións, estradas, rede hidrográfica ou equipamentos e dotacións.

O contrato forma parte do Programa de apoio cartográfico a concellos (PACC), un proxecto pioneiro que se enmarca na liña de colaboración que manteñen aberta desde hai anos o IET e as entidades locais galegas co fin de avanzar na elaboración da información territorial e cartográfica e mellorar a xestión da xa existente, un material cada vez máis demandado a nivel municipal.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha