Adxudicado un contrato para medir as correntes no peirao de Malpica

Inspección de Portos en Malpica.

Portos de Galicia vén de adxudicar un contrato para a realización durante dous meses de traballos de medida das ondadas e correntes no peirao de Malpica co obxectivo de coñecer mellor o seu comportamento e axudar a buscar a mellor solución para mitigar os riscos derivados das correntes que se rexistran na dársena interior malpicá.

O contrato, que conta cun orzamento de máis de 18.000 euros, inclúe actuacións como a toma de datos de ondada mediante tres sensores de presión que se instalarán en distintos puntos do peirao. Un deles colocarase na parte interior do martelo do dique, outro na parte do porto próxima á lonxa e o terceiro no peirao da dársena interior, preto dos pantaláns.

A empresa adxudicataria tamén se encargará de recompilar información sobre as correntes existentes no peirao mediante un equipo especial de medición e todos os datos obtidos serán procesados e analizados para incluílos nun informe técnico detallado sobre os traballos feitos ao longo deses dous meses de seguimento.

Estas actuacións de medida de ondada e correntes veñen a complementar o resto de labores de estudo do comportamento da dársena de Malpica. Con ese obxectivo instalouse en decembro un radar no peirao para facer medicións reais dos niveis de sobreelevación das ondas longas liberadas polos temporais e axudar a valorar a axitación real do porto para identificar os períodos nos que as ondas resultan resoantes e a súa amplitude. Este equipamento súmase aos sensores colocados unhas semanas antes para obter información sobre as elevacións da lámina de auga no interior da dársena principal do peirao.