O xoves 21 de setembro celébrase o día mundial do alzheimer, que a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños (Afaber), que preside Jesús Villar Antelo, quere aproveitar para organizar unha serie de actividades desde ese mesmo día e ata o domingo 24.
O cartel será presentado o vindeiro venres 15 a partir das 19.00 no novo local da Entidade, ubicado no Lugar de Mirón, número 24, baixo, en Bértoa. O acto contará coa presenza do presidente, doutros membros da directiva de Afaber e da concelleira carballesa de Servizos Sociais, Maica Ures.
O pasado martes, tres membros da directiva da asociación foron convidados a unha comida no Fórum Carballo. Tratouse dunha iniciativa do Obradoiro de emprego de cociña, que ofreceu a través dos seus alumnos unha comida a Jesús Villar Antelo, María Vilariño e Begoña Fernández.