- Estarán impartidos pola psicóloga Lara Rodríguez de las Heras
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños-Afaber volve a retomar de xeito presencial as reunións de grupos de apoio. A primeira será este mércores, ás 20:00 horas, no local que ten a entidade carballesa na rúa Camelias nº 2, baixo.
Estas xuntanzas fomentan «directamente a saúde e a redución do malestar psicolóxico», afirman desde Afaber, permitindo aos familiares facer unha «mellor valoración da súa propia situación» grazas a recursos para paliar emocións negativas, proporcionar unha maior sensación de control, aumentar a autoestima e permitir unha oportunidade de interacción social regularizada.
Os grupos, abertos tanto a familiares afectados como a calquera persoa que desexe mostrar o seu apoio, estarán dirixidos pola psicóloga Lara Rodríguez de las Heras.