Afaber retoma os talleres de memoria e os grupos de apoio ás familias

Local de Afaber en Carballo_GOOGLE MAPS

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Bergantiños (Afaber) informa que está de volta en dúas das súas actividades.

Por unha parte, comezaron a impartir os talleres de memoria a principios de setembro a través da asociación veciñal Santa María de Traba (Coristanco), e para este Luns 3 de Outubro tamén en Carballo, no Pazo da Cultura.
Dende este momento dan por iniciado o retorno dos talleres de memoria nos distintos concellos da comarca.
Nestes talleres realizan actividades que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas a partir dos 55 anos. Trabállanse diferentes aspectos das función cognitivas (memoria, cálculo, linguaxe, razoamento…), fomentando as relacións sociais e un envellecemento persoal e social activo. Para a inscripción pódese contactar cos teléfonos: 625980691- 981758545.


Por outro lado, tamén están de volta as reunións de Grupo de Apoio de Familiares de persoas afectadas pola enfermidade do Alzheimer, comezando o mércores 5 de Outubro ás 20:00 horas.
Os grupos de apoio fomentan directamente a saúde e a redución do malestar psicolóxico e permiten aos familiares facer unha mellor valoración da súa propia situación grazas ao que lle ofrecen: recursos de afrontamento e de paliar emocións negativas, proporcionar maior sensación de control, aumento da auto estima e do estado de ánimo positivo, e permiten unha oportunidade de interacción social regularizada e de recibir feedback dos demais familiares.
Pode acudir ao grupo de apoio calquera persoa interesada no mesmo ou quen desexe apoiar a familiares que sofren a enfermidade do Alzheimer.
As reunións do grupo de apoio estarán dirixidas pola psicóloga Lara Rodríguez de las Heras, e realizaranse todos os primeiros mércores de cada mes ata o mes de Xuño de 2023.