A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) e a entidade portuguesa Obras Sociais de Viseu asinaron un convenio marco para desenvolver proxectos de interese común nos ámbitos da lonxevidade e envellecemento activo, saúde cognitiva, innovación social e investigación científica. O acordo, subscribido por Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA, e José Carreira, presidente de Obras Sociais de Viseu, ten como principal obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con demencias neurodegenerativas e a da súa contorna familiar e convivencial.
En virtude desta alianza estratéxica de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal, ambas as entidades traballarán en defender os intereses das persoas con demencia, buscando o seu empoderamento fronte ao idadismo, a vulnerabilidade e a soidade non desexada, co desenvolvemento de espazos amigables. Colaborarán, ademais, de forma conxunta, en proxectos de innovación social e investigación científica na prevención e diagnóstico da deterioración cognitiva en etapas temperás e no seguimento clínico das persoas afectadas por unha enfermidade neurodegenerativa.
AFAGA prestará ademais servizos de formación certificada a profesionais de Obras Sociais de Viseu, dirixida a mellorar a intervención en pacientes con demencia e a brindar apoio aos seus coidadores. O acordo contempla tamén a colaboración en campañas de sensibilización, capacitación comunitaria, actividades psicoeducativas para persoas coidadoras informais, talleres, conferencias e eventos de natureza divulgativa, entre outras cuestións.
Para Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA, este acordo “enmárcase na estratexia de cooperación transfronteiriza que vimos desenvolvendo con entidades asociativas referentes de Portugal, para traballar conxuntamente na innovación e investigación na abordaxe das demencias, a lonxevidade, na contorna da vulnerabilidade e na loita contra o idadismo e a soidade non desexada”.
“Nun país onde a resposta á demencia segue estando por baixo das necesidades, este protocolo é unha toma de posición clara: non esperamos máis. Actuamos, construíndo solucións en rede, con socios estratéxicos, para garantir respostas dignas, cualificadas e centradas nas persoas”, sinala José Carreira, presidente de Obras Sociais de Viseu.
Sobre Obras Sociais de Viseu
Obras Sociais de Viseu é unha asociación de referencia na intervención social e comunitaria, con sede en Viseu, na rexión Centro de Portugal. Membro de ADI (Alzheimer’s Disease International), a federación internacional de asociacións de Alzheimer e demencias, contempla entre os seus principais obxectivos o apoio á familia, a protección da infancia, a mocidade, as persoas maiores e con discapacidade e outros colectivos vulnerables, así como a promoción e a protección da saúde, a educación e a formación profesional.
Sobre AFAGA
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), fundada en Vigo hai máis de 30 anos, é unha entidade sen ánimo de lucro que realiza diferentes actividades para mellorar a calidade de vida das persoas con Alzheimer e outras demencias e a dos seus familiares. Ofrece información, asesoramento e orientación e busca achegar a realidade destas doenzas a entidades públicas e privadas, para dar resposta ás demandas do colectivo que representa, alén de colaborar nas investigacións que se realizan sobre as demencias neurodegenerativas. En 2025, atendeu a 3.628 persoas, das que 613 eran persoas usuarias con demencia e 1.075 participantes en programas de prevención á deterioración, en máis de 40 localizacións de 16 concellos da provincia de Pontevedra.