AFAGA atende xa a máis de 4.300 persoas e crece case un 50% nos seus programas de prevención

3 minutes read

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) fixo balance do último exercicio e acaba de presentar e aprobar en Asemblea a súa Memoria de Actividade de 2025 con resultados históricos. En concreto, a entidade rexistrou crecementos de dobre díxito no volume de persoas atendidas, tanto nos seus programas de prevención da demencia e promoción de hábitos saudables, así como nos seus talleres de estimulación cognitiva ou en calquera dos centros ou dispositivos nos que aguzosa asistencia e apoio a familiares, coidadores e pacientes.

En 2025, AFAGA atendeu a un total de 4.306 persoas (un 16,83% máis que o ano anterior), das cales 2.652 foron usuarias directas dalgún dos seus recursos, incluíndo a 1.226 (+49,2%) participantes rexistrados nos seus programas de prevención “Cultiva a Mente”, “Coida o Corpo” e “Actívate” e a 515 (+21,75%) persoas con demencia nos seus talleres de estimulación cognitiva.

Na actualidade AFAGA xestiona grupos de prevención, dirixidos a persoas sen diagnóstico, en 14 municipios da área Sanitaria de Vigo e na localidade portuguesa de Valença. En canto aos talleres de estimulación cognitiva, conta con grupos de atención a persoas con Alzheimer ou outro tipo de demencia en Vigo, Nigrán, Baiona, Tui, O Porriño, Tomiño, Salceda de Caselas, Ponteareas, Mos e Redondela e conta con cinco centros propios ou públicos de xestión directa en Vigo (CAI Martínez Garrido, CIAG e Beiramar), O Porriño e Marín (en colaboración coa asociación AFAPO).

Coa intención de crear espazos de encontro entre distintas xeracións para fomentar a sociabilidade, combater o idadismo e promocionar o envellecemento activo, AFAGA realizou en 2025 un total de 13 proxectos interxeracionais e unha decena de actividades en distintos centros educativos, cun total de 418 participantes.

No seu apartado de formación, AFAGA realizou sesións de orientación con 102 familiares e coidadores de persoas con Alzheimer e prestou 135 horas de formación presencial e en liña a 111 profesionais sociosanitarios. 

Desenvolveu ademais unha ampla campaña de actos de sensibilización social sobre a realidade das demencias e as necesidades das persoas que as padecen e dos seus familiares, incluíndo charlas, encontros e diversas actividades de lecer, ao longo de todo o exercicio e, en especial, no marco do Día Mundial do Alzheimer (21 de setembro). A asociación convoca ademais anualmente o seu certame literario de relatos curtos (o prazo de presentación da XII edición vixente finaliza hoxe 6 de xullo), impulsa a agrupación coral “Os Sons da Memoria” da Fundación Casablanca e participa en eventos e congresos internacionais con proxectos de investigación e innovación na abordaxe das demencias, que desenvolve con distintos partners ou con fondos europeos transfronteirizos.

Reúne, ademais, anualmente a un centenar de profesionais, estudantes e personalidades de distintas institucións do ecosistema sociosanitario nacional e internacional, ao redor das súas Xornadas Internacionais, que xa se converteron nun evento de referencia en Galicia para a procura de solucións e avances na loita contra o Alzheimer e outras demencias.

“No ámbito da investigación e a innovación sobre o Alzheimer e outras demencias neurodegenerativas asinamos alianzas estratéxicas coa Fundación Pasqual Maragall e con outros axentes salientables do ecosistema sociosanitario, alén de entrar a formar parte do Observatorio do Alzheimer e as Demencias. Impulsamos, ademais, un proxecto formativo internacional Erasmus e seguimos desenvolvendo outros dous proxectos europeos transfronteirizos, LongSocial II e Innov4life, con salientables institucións académicas e asociativas do sector dos coidados no norte de Portugal”, destacou o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez.

Sobre AFAGA

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), fundada en Vigo hai máis de 30 anos, é unha entidade sen ánimo de lucro que realiza diferentes actividades para mellorar a calidade de vida das persoas con Alzheimer e outras demencias e a dos seus familiares. Ofrece información, asesoramento e orientación e busca achegar a realidade destas doenzas a entidades públicas e privadas, para dar resposta ás demandas do colectivo que representa, alén de colaborar nas investigacións que se realizan sobre as demencias neurodegenerativas.