AFAGA organiza as súas XXII Xornadas Internacionais para profesionais, centradas na innovación e investigación en demencias

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) celebrará o próximo 22 de novembro, de 9:00 h a 14:30 h, as súas XXII Xornadas Internacionais sobre o Alzheimer, dirixidas a profesionais, na Sala de Conferencias de Afundación en Vigo (Rúa Policarpo Sanz, 24-26).

Nesta edición, AFAGA reunirá a unha decena de relatores investigadores e académicos do ámbito médico e da saúde, baixo o lema ‘Innovación e Investigación en demencias: da prevención ao diagnóstico e a intervención», procedentes de centros e institucións nacionais e internacionais como a Universidade do Minho (Portugal), a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, o centro de investigación BBRC da Fundació Pasqual Maragall, en Barcelona, o centro CRE Alzheimer do Imserso en Salamanca ou a Fundación CITA-alzhéimer, de San Sebastián.

Este evento converteuse ao longo dos anos nun referente en Galicia na procura de solucións e avances na loita contra o Alzheimer, reunindo a profesionais, estudantes e personalidades de distintas institucións do ecosistema sociosanitario nacional e internacional.

Desde a investigación á prevención

Tras a inauguración oficial das xornadas, a investigadora médica portuguesa Ivone Martins, do Centro de Enxeñería Biolóxica, dependente da Universidade do Minho (Portugal), presentará o «Proxecto Hércules-Bacteriófagos contra o Alzheimer», que aplica a biotecnoloxía/bioingeniería de virus de bacterias (bacteriófagos), para o desenvolvemento de ferramentas de diagnóstico precoz e terapia dirixida contra o Alzheimer. Martins explicará como transferir a tecnoloxía desenvolvida no ámbito académico á práctica clínica, co fin de chegar a quen realmente a necesitan.

Ás 10:45, abrirase un bloque monográfico centrado na prevención, co relatorio de David Facal, investigador do Instituto de Psicoloxía (IPsiUS) da Universidade de Santiago de Compostela, e coordinador da súa Unidade de Transferencia, sobre saúde cognitiva, en base á súa experiencia en distintos proxectos europeos de innovación en lonxevidade e ás súas investigacións sobre o proceso lonxitudinal do envellecemento cognitivo. Seguidamente, Amil López, doutora en Farmacia e graduada en Nutrición Humana e Dietética, centrará a súa charla na importancia da alimentación saudable na prevención das demencias, e o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, José María Cancela, pechará o bloque cun relatorio sobre o exercicio físico e o seu impacto no coidado da mente.

Ao redor das 11:00, a asociación desvelará a identidade do gañador da primeira convocatoria do Premio AFAGA Alzheimer, para recoñecer a traxectoria destacable de persoas e institucións na innovación, investigación e loita contra o Alzheimer e outras demencias e no acompañamento a pacientes e familias.

Tras un breve receso de media hora, ás 11:45, Enrique Pérez, neuropsicólogo responsable de investigación e área técnica do Centro de Referencia Estatal de Atención a Persoas con Enfermidade de Alzheimer e Outras Demencias do Imserso (CRE Alzheimer), de Salamanca, abrirá un bloque de relatorios sobre a innovación e intervención, no que participarán tamén Marcos Fontenla, secretario de FAGAL e AFAPO, cunha charla sobre chatbots destinados a persoas coidadoras, e Xavier Blanco, mestre e investigador de música de raíz e presidente da Fundación Legar, quen centrará o seu relatorio no proxecto Im.RAÍZ de intervención e estimulación mediante música de raíz en persoas con deterioración cognitiva e demencia.

Nun terceiro bloque sobre innovación e diagnóstico temperán, Alfredo Pérez, responsable de Innovación e Servizos de Samsung Iberia, expoñerá a orixe e desenvolvemento da aplicación de cribado cognitivo «The Mind Guardian», promovida no marco do programa de responsabilidade social «Tecnoloxía con Propósito» de Samsung, e en cuxo testeo colaborou AFAGA.

A continuación, a investigadora do BarcelonaBeta Brain Research Center (BBRC) da Fundació Pasqual Maragall, de Barcelona, Federica Anastasi, explicará os avances significativos conseguidos polo BBRC na procura de biomarcadores en sangue eficaces para a detección temperá do Alzheimer.

O neurólogo Pablo Martínez-Lage do Centro de Investigación e Clínica Memoria da Fundación CITA-alzhéimer, de San Sebastián, poñerá o broche final ás xornadas co seu relatorio sobre as novas terapias anti-amiloide, coa axuda dos novos fármacos «Lecanemab» e «Donanemab».


Os interesados en asistir ás xornadas profesionais poderán formalizar a súa inscrición no correo formacion@afaga.com, no teléfono 986229797, ou na web de AFAGA  Inscrición para as XXII Xornadas Internacionais de AFAGA.

Sobre AFAGA

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), fundada en Vigo hai 30 anos, é unha entidade sen ánimo de lucro que realiza diferentes actividades para mellorar a calidade de vida das persoas con Alzheimer e outras demencias e a dos seus familiares. Ofrece información, asesoramento e orientación e busca achegar a realidade destas doenzas a entidades públicas e privadas, para dar resposta ás demandas do colectivo que representa, ademais de colaborar nas investigacións que se realizan sobre as demencias neurodexenerativas. En 2024, atendeu a 3.686 persoas, das que 423 eran persoas usuarias con demencia e 856 participantes en programas de prevención á deterioración, en 41 localizacións de 15 concellos da provincia de Pontevedra.

Related posts

National Geographic sitúa a Vigo como un dos mellores destinos do Nadal

A salvo tres tripulantes dunha embarcación que afundiu diante do Faro de Candieira, en Cedeira

O BNG acusa PSOE e PP no Pleno de «mirar para outro lado» ante o problema da vivenda en Vigo