Afeccións de liñas de gas e luz obrigan a unha suspensión temporal das obras da vía Ártabra

1 minutes read

As afeccións das liñas de gas e de media tensión e a falta de autorización do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 obrigan a unha suspensión temporal das obras, estando previsto que se retomen en outono, cando as compañías dos servizos afectados realizarán os correspondentes retranqueos destas liñas.

En concreto, a traza da vía de altas prestacións intercepta a liña de gas no punto quilométrico 1,7, afectando desde este punto a totalidade das obras ata a AP-9, xa que os servizos de gas descorren polo medio, imposibilitando a realización dos movementos de terras e a execución das estruturas previstas nesa zona.

A intervención nos servizos de gas requiren, ademais, de expropiacións, para o cal xa se ten realizado o levantamento de actas previas o pasado 14 de xullo, estando previsto o levantamento de actas de ocupación para o día 31 de agosto, unha vez pagados os depósitos previos.

En paralelo, a compañía subministradora de gas está tramitando as autorizacións sectoriais necesarias para executar o retranqueo, previsto para outono. Estes traballos supoñen un custo adicional de máis de 900.000 euros.

Na mesma zona que a liña de gas tamén discorre unha liña aérea de media tensión que subministra enerxía ao polígono do Espírito Santo. Esta liña tamén afecta ás obras, tanto no ramal de acceso previsto ao parque industrial como na traza principal.

Ao igual que ocorre cos servizos de gas, a compañía eléctrica subministradora tamén está tramitando as autorizacións sectoriais precisas para proceder ao retranqueo.