As medidas de seguridade para a prevención do coronavirus reducen o aforo para garantir a distancia social necesaria. Neste sentido, o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, asegura que «é posíbel reactivar o sector cultural con protocolos de actuación seguros».
A Deputación só está a permitir a entrada de 100 persoas en cada actividade do programa «Noite de estrelas» conducido polo científico e divulgador Jorge Mira que se está a desenvolver o 12, 13 e 14 no espazo exterior de Dombate, aproximadamente un terzo do aforo que podería participar de acordo co protocolo sanitario vixente.
«Reducimos o número de persoas para garantir a seguridade sanitaria que, para nós, é prioritaria, mais tamén consideramos que é necesario a revitalización da actividade cultural. Ao noso ver, é obriga das institucións responder a estas dúas urxencias provocadas pola crise do coronavirus», sinala o deputado de Patrimonio.