A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Inditex renovaron este xoves o convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), que garante a continuidade da Cátedra institucional de Empresa Familiar durante os próximos catro anos. O acordo reforza o compromiso das tres entidades coa docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento ao redor da empresa familiar, un sector crave para o desenvolvemento económico e social de Galicia, tal e como se puxo de manifesto no encontro na Rectoría compostelá.
O acordo asinárono o reitor da USC, Antonio López, o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), José Bernardo Silveira Martín, e Javier Monteoliva Díaz, secretario xeral de Inditex.
Como puxo de manifesto o reitor Antonio López no acto, “a renovación desta Cátedra supón dar continuidade a un proxecto estratéxico que fortalece a ligazón entre a universidade e o tecido produtivo galego. Durante estes catro anos de colaboración quedou de manifesto o seu valor como espazo de investigación, formación e transferencia de coñecemento, contribuíndo á profesionalización e á sustentabilidade das nosas empresas familiares. Con esta renovación reafirmamos o noso compromiso de apoiar un modelo empresarial clave para o desenvolvemento económico e social de Galicia, impulsando a innovación e a preparación das novas xeracións de emprendedores”, engadiu López.
“A colaboración coas universidades galegas a través das cátedras da empresa familiar é estratéxica para AGEF, e por varias razóns. En primeiro lugar, para coñecer de forma precisa o peso das empresas familiares na economía galega, e as súas características diferenciadoras. Tamén, para dar a coñecer á sociedade galega a realidade e a importancia das empresas familiares na súa economía. E por último, aínda que non menos importante, por ter un vínculo estreito coas novas xeracións, con eses estudantes que quizá mañá convértanse en fundadores de novas sagas familiares e empresariais”, sinalou José Bernardo Silveira, presidente de AGEF.
Pola súa banda, o secretario xeral e do Consello de Inditex, Javier Monteoliva, indicou que “a renovación deste proxecto de colaboración público-privada coa USC, en Galicia, o territorio que nos viu nacer, é o reflexo do firme compromiso de Inditex coa educación na súa contorna, na que seguimos desenvolvendo as funcións máis esenciais para a nosa actividade».
A Cátedra, dirixida polo catedrático Luís Otero González, consolidouse como un espazo de encontro entre universidade e empresa, co obxectivo de achegar o estudantado da USC á realidade das empresas familiares, fomentar a investigación aplicada e promover a formación de talento especializado. Desde a súa creación en 2021, a Cátedra desenvolveu diversas iniciativas como o Curso de Xestión Patrimonial da Empresa Familiar, estudos científicos sobre esta realidade empresarial ou actividades de divulgación como ciclos de conferencias universitarias ou a promoción de actividades de emprendemento como os Hackathon USC Emprende.
Co apoio de AGEF e Inditex, a Cátedra continuará desenvolvendo actividades académicas, de divulgación e de colaboración co tecido empresarial, orientadas a reforzar o coñecemento e a visibilidade da empresa familiar en Galicia.
Sobre AGEF
A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) é a principal asociación de empresas con raíces, sede social e vocación de permanencia en Galicia, integrada na actualidade por 62 compañías. O seu propósito é promover o desenvolvemento e crecemento das empresas familiares na nosa comunidade, defendendo os seus dereitos e intereses e apoiando iniciativas que as fagan máis competitivas, co obxecto de favorecer o incremento da prosperidade e calidade de vida de Galicia.