Agoraphobia e Eme Dj, evento estrela do ciclo Elas Son Artistas no Concello de Sada

Elas Son Artistas é un micro festival no que a creatividade da muller é protagonista e que achega eventos culturais a 8 concellos da área Metropolitana da Coruña cunha programación máis intensa na capital, na que conta con múltiples sedes.

O ciclo metropolitano pola Igualdade, Elas Son Artistas, chegará ao Concello de Sada da man de Esperto Movimiento Cultural o sábado 15 de agosto cunha cuarta cita moi especial: Agoraphobia e Eme Dj.

A fórmula de Agoraphobia refínase no seu último traballo, ‘Unaligned’, onde atopan o equilibrio entre melodía e contundencia. Dez cortes que remiten ao rock alternativo, ao indie contundente e eo stoner daqueles noventa e primeiros dous mil nos que as guitarras volveron á palestra. Destilan unha mestura tan explosiva como máis madura e escura, nun disco no que se nota que se espremeron ao 100% e que sorprende aínda máis en directo.

Ao mesmo que Marta Fierro, máis coñecida como Eme DJ, é unha das DJ cunha traxectoria máis recoñecida na escena indie-disco-pop de toda a península. Picou nos festivais máis importantes como o FIB Benicássim, Sónar, MTV Europe Music Awards, Arenal Sound, entre moitos outros, e o próximo 15 de agosto xogará na casa.

Aforo limitado e protocolo COVID.
Como na maioría dos espectáculos, esta cita na zona do Curruncho no Concello de Sada (22:00 horas) contará cun aforo limitado a 350 persoas. Será de balde, pero haberá que reservar invitación a partir do próximo luns 10 de agosto.

Todos os asistentes teñen que levar sempre posta máscara (salvo presentación de xustificante que acredite estar exento de levala) e no acceso ao recinto haberá xel hidroalcólico.