Este ano despedimos o mes de agosto cun dos eventos gastronómicos máis célebres do municipio carballés: a Festa do Pichorro de Cances, que vai xa pola súa 17ª edición. E ademais de saborear un dos produtos máis típicos da horta, poderás desfrutar dunhas actuacións musicais de altura coa agrupación tradicional Foliada Galega, o grupo de percusión e danza Perfusion e o dúo Libertad, que amenizarán a velada para que non falte animación e diversión nunha xornada con moito sabor. E se queres poñer a proba a túa destreza, vai ben preparado/a porque tamén se celebrará o VIII Campionato de debullo con mango de fouciño. Lembra, a cita será este sábado 31 de agosto ás 20:00 horas, nas escolas unitarias de Cances.