Agravio para con Galicia pola subida das peaxes


O próximo mes de xaneiro estrearase o ano 2020 cunha mala noticia para o peto dos galegos. As peaxes da AP-9 incrementaranse ao redor dun 2,64%. Esta desproporcionada subida xustifícase en base a tres conceptos. Primeiramente un 1% polas obras de ampliación da ponte de Rande, o tramo de circunvalación de Santiago e a área de de peaxe de Sigüeiro. Seguido dun 0,80 % anual debido á gratuidade da viaxe de volta entre Vigo e Pontevedra para os vehículos lixeiros, á súa vez usuarios de telepeaxe. Para finalizar co 0,85 %, en base ao cálculo do IPC para este ano. A Xunta de Galicia, por mediación de Ethel Vázquez, titular da Consellería de Infraestruturas reaccionou con presa ante o que considera non só inxusto para cos galegos, senón tamén desproporcionado, en relación co trato que se lle dispensa ao resto de autoestradas de titularidade estatal. De consumarse este incremento, aumentará a percepción de devandito viario como un lastre para os galegos. Baste lembrar que a AP-9 é utilizada polo 60% dos habitantes de Galicia como principal vía de tránsito da comunidade autónoma, vertebrador do eixo atlántico, comunicando o norte e sur de Galicia, ademais de unir 5 das 7 cidades galegas, xunto con importantes pobos e vilas tanto mariñeiras como de interior, e permitindo chegar á fronteira do país irmán, Portugal.

Por medio dunha carta ao Secretario de Estado Pedro Saura, a Conselleira Vázquez solicita que o goberno asuma vía presupostos do estado parte da subida. Tamén pide unha bonificación do 25% para os usuarios da AP-9 que realicen o traxecto de ida e volta no mesmo día. O cal se sumaría ao 25% xa existente, para os usuarios de telepeaxe en días laborables. No caso de aprobarse, a Xunta aforraríase o 50%. Segundo os cálculos, Audasa percibiría uns 1400 millóns de euros por unhas obras que custaron ao redor dos 230 millóns, explica en nota de prensa o departamento de Ethel Vázquez. Considera ademais que o Estado debería facerse cargo, vía orzamentaria, deste custo. A razón duns 53,10 millóns anuais nos próximos 5 exercicios para un total de 265,50 millóns. Se a isto engadímoslle as 2 subidas, a do 2017 e 2018, poderíanse evitar estas subidas extras, conclúe Infraestruturas. Tal e como teñen previsto a día de hoxe e de non terse en conta as reclamacións do goberno galego, as subidas supoñerán un custo de 22,10 euros para Ferrol-Tui, os 2 puntos xeográficos máis afastados (55 céntimos de incremento). O traxecto A Coruña- Vigo pasará a custar 45 céntimos máis que agora, 16,85 euros. Ademais de continuar coas subidas anuais. Aínda peor panorama pinta para os transportistas. Grandes camións e autobuses pasarán a pagar 48,35 euros (1,25 euros máis) por Ferrol-Tui, e 36,35 euros (95 céntimos máis) por Vigo-A Coruña A AP-9 converterase na segunda autoestrada máis cara de España. Mentres que as autoestradas titularidade da Xunta AG-55 e AG-57, son as máis baratas do territorio nacional, ademais de ter as peaxes conxeladas para o 2020. Por se isto fose pouco, e acrecentando o sentir de agravio para co galego, sinalar que as 9 autoestradas nacionais crebadas non soben e Sevilla-Cádiz ó Tarragona-Alacante, van deixar de ser de pago. Por tanto, e ante a perspectiva de consolidación do agravio para con Galicia, urxe a reunión da comisión da AP-9 constituída por Xunta e Ministerio en 2017. Mesmo, e a pesar de estar o goberno en funcións, debe reunirse canto antes. Non é de recibo que unha autoestrada que debería estar máis que amortizada continúe sendo un quebradizo de cabeza, ademais dun quebranto económico para o galego e o seu peto. Sen indicio de solución ata o afastado horizonte do 2048, onde debería chegar a definitiva gratuidade do vial. Tan prorrogado e encarecido.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO