Agreden salvaxemente a dous axentes da Garda Civil en Camariñas

1 minutes read
  • Unha multitude agrediu ós axentes cando estes ían deter a un mozo da localidade

Dous axentes da Garda Civil do posto de Muxía foron agredidos en Camariñas por unha multitude, cando intentaban deter a un mozo da localidade que estaba ameazando a xente que asistirara á festa da “Virxe do Monte”.

Segundo fontes do Instituto Armado, sobre as 4 da madrugada do sábado para o domingo, a Garda Civil recibiu un aviso de que un mozo estaba alterando as celebracións da localidade, pois insultaba e ameazaba ó público. Cando os axentes o quixeron deter, o individuo ofreceu resistencia e unha multitude (supostamente relacionada co mozo) intentou por todos os medios que o arresto non se producira. Propináronlles puñazos e patadas a ambos axentes, que finalmente tiveron que acudir ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, e actualmente atópanse de baixa.

Despois da agresión, os axentes conseguiron deter ó mozo pero a multitude seguiunos ata o vehículo oficial no que viaxaban.

As dilixencias instruídas en relación con estes feitos e o detido foron postos a disposición do xulgado de Corcubión.