A Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) e a asociación Agromuralla, que agrupa a gandeiros de leite das provincias de Lugo e A Coruña, anunciaron a creación dun observatorio para monitorar o prezo do leite durante toda a cadea alimentaria, desde que sae das propias granxas ata que chega ao consumidor a través dos puntos de venda.
Ambas as organizacións explicaron nun comunicado que «o leite é un dos produtos que se máis se está encarecendo na cesta da compra», pero «esa revalorización non está a chegar aos produtores, que seguen afogados neste momento como consecuencia do incremento nos custos de produción». «Detectar ese desfasamento entre o que paga o consumidor e o que recibe realmente o gandeiro é o obxectivo do observatorio de prezos lácteos» que poñerán en marcha ambos os colectivos.
De feito, os seus promotores subliñan que a iniciativa xorde «da necesidade de integrar os intereses dos gandeiros e os dos consumidores, cada vez máis conscientes da problemática que afecta o sector produtor e máis implicados tamén no obxectivo de avanzar cara a unha situación de soberanía alimentaria».
O novo observatorio permitirá «monitorar a evolución dos prezos, tanto en orixe como no lineal de venda, para sacar distintas conclusións». A idea é determinar quen queda «co incremento de prezo que paga o consumidor», para deixar claro se ese diñeiro que paga a maiores o consumidor chega realmente aos produtores ou «queda polo camiño». Tamén permitirá aclarar canto tempo pasa desde que se produce o incremento de prezo dos produtos lácteos nos puntos de venda ata que realmente esa subida chega ás granxas.
Ambas as organizacións sosteñen que o observatorio permitirá «ir retratando progresivamente aos distintos axentes que interveñen na cadea de valor dos produtos lácteos».
