Aínda hai prazas para participar no campo do voluntariado no Castro de Montes Claros

Imagen de archivo del Castro de Montes Claros_Cedida

  • Desenvolverase entre o 24 de agosto e o 4 de setembro

O Concello da Laracha, en colaboración coa Xunta de Galicia, organiza o campo de voluntariado que se vai realizar no Castro de Montes Claros entre o 24 de agosto e o 4 de setembro. Aínda quedan prazas dispoñibles para formar parte deste programa dirixido a mozos de toda España con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.

O proxecto arqueolóxico do que formarán parte os voluntarios baséase en continuar a limpeza da zona do Castro de Montes Claros acondicionando o sistema defensivo do primeiro recinto superior. Ademais, tamén terá un contido medioambiental de recuperación do entorno natural e paisaxístico, contemplando traballos de localización e limpeza de afloramentos rochosos e gravados rupestres da croa do castro.

O traballo específico no castro e no seu entorno levarase a cabo polas mañás. Durante as tardes, os voluntarios realizarán outra serie de actividades «de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirá coñecer o termo municipal da Laracha, a súa historia e tradición», sinalan desde o goberno local.

Durante a súa estancia aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asumirá ao completo os custos da manutención dos participantes e das actividades culturais que realicen. As inscricións deben realizarse en liña na web xuventude.xunta.es.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha