Aínda poden solicitarse axudas para contratar mulleres vítimas da violencia de xénero


Entidades e cooperativas sen ánimo de lucro poden solicitar ata o próximo 1 de agosto as axudas convocadas o pasado 1 de xullo no Diario Oficial de Galicia coas que a Xunta, por segundo ano consecutivo, incentiva que contraten a mulleres vítimas de violencia de xénero, para darlles unha oportunidade laboral que lles reporte ingresos e lles permita avanzar na súa recuperación.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste nesta liña de incentivos un total de 550.000 euros coa que pretende apoiar a independencia económica das vítimas.

A orde prevé apoios que van dos 15.940 aos 31.881 euros anuais por cada muller contratada a tempo completo, en función do grupo de cotización. A duración da relación laboral, como condición, debe ser polo menos de 4 meses. En canto a xornada de traballo, deberá ofertarse a tempo completo ou parcial, neste último caso nunca por baixo do 50%.

Inclúese como requisito que as entidades beneficiarias promovan a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas que deberán realizar as súas funcións en centros de traballo dentro da comunidade.

As destinatarias finais destes incentivos son vítimas da violencia de xénero, incluídas as afectadas por violencia vicaria, así como mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. Para poder optar aos contratos, deberán figurar inscritas como demandantes de emprego ou de mellora do mesmo no servizo público de emprego galego.

O ano pasado, a través desta convocatoria acadouse a incorporación laboral dun total de 32 traballadoras vítimas da violencia de xénero en 22 entidades beneficiarias.