Aínda se poden pedir axudas para a elaboración e a comercialización de produtos vitivinícolas


Ata o vindeiro luns 31 de xaneiro segue aberto o prazo de presentación de solicitudes para acceder ás axudas que se veñen de convocar para o fomento da elaboración e da comercialización de produtos vitivinícolas. Estas achegas, xestionadas pola Consellería do Medio Rural, están dotadas cun total de 2.712.000 euros para 2022 e 2023.
Destas subvencións, poderán beneficiarse as empresas vitivinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica e as organizacións interprofesionais. Serán subvencionables os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto, os custos xerais vinculados aos gastos anteriores tales como honorarios e estudos de viabilidade co límite do 8% do orzamento aprobado para a operación de investimento, así como a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.
Os principais obxectivos desta convocatoria son, entre outros, os de fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario e impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, da eficiencia enerxética global, da utilización de enerxías renovables e da valorización e tratamento dos residuos.
Preténdese, así mesmo, fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Outras finalidades pasan por favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, polo incremento da dimensión empresarial, pola participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou por impulsar os investimentos en comercialización e promover a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas.