O Sindicato Unificado de Policía (SUP) mantivo unha reunión co alcalde de Santa Comba, Alberto Romar e coa Tenente de Alcalde, Noelia Baleato. Por parte do SUP asistiron Roberto González, secretario xeral de Galicia, Abel Lobato, secretario provincial da Coruña e Jesús Vasconcellos, secretario de relacións institucionais do Sindicato en Galicia. O obxectivo do encontro é estudar e impulsar medidas conxuntas para lograr que Santa Comba conte, nun futuro próximo, cunha Comisaría propia da Policía Nacional.
Todos coincidiron en sinalar que se trataría dun plus en materia de Seguridade Cidadá coa presenza de axentes de Policía Nacional na localidade, unha proximidade nas xestións entre a Administración e os seus administrados e na que os veciños e veciñas de toda a zona poidan realizar os trámites para os que, a día de hoxe, deben desprazarse a outras Comisarías afastadas para cuestións administrativas como a expedición de DNIe, pasaporte e Tarxeta de Identificación de Estranxeiros.
O Alcalde de Santa Comba mostrouse aberto a facilitar os medios necesarios á Dirección Xeral da Policía para a posta en funcionamento da Unidade, que daría servizo a unha poboación de 60.000 habitantes, abarcando concellos limítrofes a Santa Comba e Costa da Morte, beneficiando a cidadáns de Val do Dubra, Negreira, Mazaricos, Tordoia, Zas, Vimianzo, Camariñas, Laxe, Muxía, Fisterra, Cee, Muros ou Cocubión e un longo etcétera.
Alberto Romar Landeira, iniciará as xestións, ante o Ministerio do Interior, para solicitar que se teña en conta esta petición na futura reforma do catálogo de postos de traballo que leve a cabo a Dirección Xeral da Policía, á vez que o SUP levará a cabo as peticións neste mesmo sentido, tanto nos órganos da Xefatura Superior de Policía de Galicia, como o Consello de Policía, para que un servizo tan beneficioso para os habitantes da localidade e de prestixio para a Policía Nacional sexa unha realidade o máis axiña posible.