- Indican que con esta situación saen beneficionados gobernos locais e veciños ao prever tarifas igualitarias e homoxéneas
Alcaldes e portavoces do Partido Popular na provincia da Coruña defenderon este venres a creación e posta en marcha da ‘Sogama da auga’ como ferramenta que a Xunta de Galicia pon ao dispor dos concellos para mellorar a calidade, a eficiencia e a eficacia do servizo.
Os populares entenden que a nova entidade pública de apoio aos municipios garante unha xestión adecuada dos servizos da auga e permite abaratar os custos asociados á súa prestación. “Falamos dunha iniciativa máis profesionalizada e especializada dos servizos urbanos de abastecemento, saneamento e depuración da auga”, apuntan desde o Partido Popular, onde consideran que os veciños dispoñerán de “unha auga de máis calidade e dun servizo máis seguro”.
Así mesmo, desde o Partido Popular defenden que o novo proxecto chega para responder á dificultade que gran parte das entidades locais de Galicia sofren para exercer con eficiencia unhas competencias que teñen unha gran incidencia na calidade de vida dos veciños, no coidado medio ambiental e na actividade económica.
“Saímos gañando todos: gobernos locais e veciños porque se prevén tarifas igualitarias e homoxéneas, e contémplase financiamento para investimentos necesarios baseados en criterios obxectivos cunha auditoria técnica”, indican os populares.
Críticas ao PSOE
Por outra banda, desde o PP aproveitaron a ocasión para referirse ás críticas que desde partido socialista realizaron diferentes alcaldes en referencia á ‘Sogama da auga’ e á xestión deste recurso levada a cabo pola Xunta de Galicia.
“Despois do que vimos nos últimos días coas intoxicacións sufridas por case medio centenar de veciños de Ponteceso, no PSOE non teñen autoridade moral para falar da xestión da auga”, afirman os populares, que lembran que o rexedor, Lois García Carballido, non tivo reparos en “xogar coa saúde da xente asegurando que a auga se podía beber cando as análises dicían o contrario”.