Alcaldesas e alcaldes do BNG subscriben un manifesto en defensa da sanidade pública


Os concellos liderados polo BNG asumen o compromiso de seguir dando a batalla por unha sanidade pública de calidade e, convocados en Santiago pola portavoz nacional, Ana Pontón, os alcaldes, alcaldesas e cargos municipais electos subscribiron un manifesto en defensa da sanidade pública, onde declaran que non van asumir que se poña en perigo o dereito á saúde da súa veciñanza e da cidadanía. Neste sentido, os alcaldes e alcaldesas nacionalistas proclaman que van estar sempre do lado da xente e a favor do sistema público de saúde, “tanto desde as institucións como na rúa, loitaremos ao seu carón en defensa do dereito a saúde”, recalcan. A líder do Bloque, Ana Pontón, destacou que esta iniciativa obedece a que a situación é “límite”, de aí o manifesto de apoio á sanidade pública contra a “voadura programada” dun PP “que se ten convertido nun perigo para a saúde dos e das galegas”. O manifesto inclúe un decálogo de propostas para darlle a volta ós recortes e privatizacións.