Alcoa dá por roto o diálogo co comité de empresa

1 minutes read

A dirección de Alcoa dá por roto o diálogo co comité de empresa e anuncia que en quince días decidirá se pecha a factoría de San Cibrao. O futuro da fábrica e dos empregos segue no aire tras suspenderse a última reunión prevista para negociar o ERE. Os representantes dos traballadores piden a mediación da Xunta e do Goberno central para salvar a empresa. Alcoa cualificou a protesta como violenta e intimidatoria, e di que non se dan as condicións para seguir negociando presencialmente. Defende que presentou varias alternativas para a fábrica de San Cibrao, que incluían manter as cubas funcionando, pero que non foron aceptadas. Polo que di que en quince días comunicará a súa decisión sobre a factoría. O comité de empresa discrepa, di que Alcoa rexeitou prorrogar seis semanas as negociacións, o tempo que deu Liberty House para mercar a empresa, e que pretendía asinar o ERE antes de negociar a venda.