O Ministerio de Industria requiriu formalmente a Alcoa a devolución de 50 millóns de euros en concepto de compensacións por custos indirectos de emisións de CO2, unha axuda que recibe a industria electrointensiva para paliar a súa elevada factura da luz.
Tanto Industria como a Xunta de Galicia advertiron en diversas ocasións a Alcoa de que esixirían a devolución das axudas públicas recibidas se persistía no peche da súa planta de San Cibrao, para a que expuxo un expediente de regulación de emprego (ERE) tras abortar a súa venda a Liberty.
A ministra de Industria, Reyes Maroto, lembrou, en declaracións a TVE, que o Goberno está a barallar todos os escenarios despois de que Alcoa rexeitara a súa oferta de comprar a planta a través da SEPI para despois vendela a Liberty.
Neste contexto, subliñou que é unha responsabilidade reclamarlle as axudas públicas recibidas porque «os cidadáns non entenden que unha empresa que recibiu tantas axudas públicas hoxe estea a cerrar e deixando sen emprego a unha comarca enteira».
A ministra reiterou que o Goberno de España está decidido a manter a planta aberta e destacou que colaboran estreitamente co executivo rexional para conseguilo.