Alemaña acelera o desconfinamento


Alemaña acelera as etapas previstas para o desconfinamento, tras a reunión por videoconferencia mantida entre a chanceler e os presidentes dos estados federados do país. A maioría das restricións impostas levantaranse durante este mes maio, grazas a unhas cifras sobre a evolución do coronavirus “moi satisfactorias”. Con todo, as fronteiras continuarán pechadas e os espectáculos de masas prohibidos.
Angela Merkel acepta que sexan as rexións as encargadas de xestionar a desescalada aínda que advirte de que as medidas se reverterán se aumentan os contaxios.

«Se temos diferenzas rexionais, que as temos, se temos unha cociente baixa de contaxios, entón debemos ter tamén un mecanismo de emerxencia que diga que se reaparecen picos de infección rexionais, necesitaremos ser capaces de reintroducir medidas especiais nesas rexións», deixou claro Merkel.

Este mecanismo de resposta conxunta activaríase, se calquera dos distritos ou rexións do país se alcanza un nivel de 50 casos activos de coronavirus por cada 100.000 habitantes, durante unha semana. Casos de contaxio local que non poidan ser atribuídos aos contactos en hospitais, residencias de anciáns ou instalacións similares. Ata a data Alemaña notificou 167.372 casos e rexistrou 6.993 mortos.