- En Francia xa dispoñen dun test rápido que pode confirmar ou descartar a enfermidade en poucas horas
Alemaña confirmou o primeiro caso de contaxio do coronavirus de humano a humano producido en chan europeo. Trátase dun home de Baviera, de 33 anos, que contraeu o virus por causa dunha compañeira traballo procedente de China, que permaneceu catro días en Alemaña.
Este paciente atópase ben e todas as persoas que estiveron en contacto cos dous enfermos están baixo vixilancia médica.
Ademais deste caso, en Europa rexistráronse outros tres, todos en Francia. Nunha rolda de prensa, o director xeral de Saúde, Jerôme Salomon, explicou que no país francófono «dispoñemos dun test de diagnóstico rápido que nos permitirá […] en poucas horas descartar a enfermidade ou ter unha confirmación».
Mentres tanto, en China, a cifra de mortos superou o centenar e hai máis de 4500 infectados e outras 7000 persoas con síntomas sospeitosos.