No medio das crecentes tensións ao redor de Ucraína, as relacións entre Berlín e Moscova sufriron un novo golpe, neste caso ten que ver coa emisora estatal rusa coñecida como RT ou «Russia Today». Este mércores, o regulador alemán dos medios de comunicación anunciou que prohibía a RT emitir a súa versión alemá no país. A autoridade dixo que a canle non tiña a licenza necesaria segundo a lexislación europea.
Esta non é a primeira controversia á que se enfronta RT. En setembro do ano pasado, Youtube bloqueou dúas das súas contas en alemán por difundir información errónea sobre o coronavirus.
Esa medida supuxo que Rusia ameazase con represalias e agora de novo Moscova contraatacou. O redactor xefe de »Russia Today» dixo que a decisión do regulador alemán é un «completo disparate». RT apunta que ten unha licenza serbia válida e afirma que impugnará a decisión dos reguladores alemáns nos tribunais.