Alerta en Europa tras o aumento de contaxios de COVID-19 en China

A Comisión Europea convocaba este xoves aos países membros para debater posibles normas para un enfoque coordinado ante o aumento de contaxios no xigante asiático, despois de que este eliminase a súa política de «Covid 0».

Case tres anos despois do estalido da pandemia e tras a onda de protestas entre distintos sectores da poboación que esixían unha flexibilización dos férreos protocolos; a Comisión Nacional de Saúde de China informou o luns do fin da corentena para os viaxeiros procedentes do estranxeiro e a renovación dos visados dos cidadáns chineses para que poidan viaxar fora do país. Con todo isto, os expertos prevén entre 1 e 2 millóns de mortes en China ata finais de 2023.

Despois de tres anos de pandemia, China afronta o seu peor brote de coronavirus, o que se traduciu en millóns de contaxios diarios e uns servizos sanitarios tensionados ata límites dificilmente soportables. As escenas que se están vivindo no país asiático lembran aos días máis negros do inicio da pandemia en España ou Italia, cando os pacientes abarrotaban os corredores dos hospitais e as UCI non daban a basto ante a avalancha de casos graves.

Europa impón restricións co obxectivo de evitar que os estados membros da Unión Europea actúen pola súa conta adoptando restricións nas súas fronteiras sen consultar, como ao principio da pandemia na primavera de 2020; e previr o aumento de contaxios da variante do virus BF.7 Ómicron.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha