A Xunta vén de activar para a noite deste martes a alerta laranxa por chuvias no interior da provincia da Coruña e no centro da de Lugo. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa activouse na Coruña a partir das 21,00 horas e na de Lugo a partir da medianoite por precipitación acumulada nunha hora de 30 mm. O resto da provincia da Coruña e a de Pontevedra quedan en alerta amarela a partir tamén das 21,00 horas de hoxe, mentres que o conxunto de Galicia farao desde a medianoite. A alerta amarela serao tamén por treboadas en todo o territorio.
Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.