Alerta laranxa por temporal costeiro e moito vento no litoral

1 minutes read

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta ten activa para este domingo unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego e por vento na costa noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), ambos os fenómenos meteorolóxicos adversos de nivel laranxa comezarán a última hora da tarde do domingo. 

No caso do temporal costeiro, agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata 8 metros en todo o litoral. O vento do oeste ou suroeste será de forza 8 ao norte de Fisterra, podendo acadar ocasionalmente forza 9. Canto á alerta laranxa por vento na costa noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo, agárdanse rachas de 100 km/h.  

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.