O temporal que azouta Galicia nas últimas horas recrúa e eleva este luns a alerta a laranxa por ventos do suroeste de forza 8 e por ondas que poden superar os cinco metros nas costas da Coruña e de Pontevedra.
No que atinxe ao vento no mar, o noroeste da Coruña e a Costa da Morte estarán en aviso amarelo toda a xornada, agás entre as 6.00 e as 18:00 horas, cando será laranxa por forza 8.
Canto á Mariña, o vento será de forza 7 con intervalos de 8, polo que o aviso quedará en amarelo.
As ondas, que superarán os cinco metros, deixarán unha alerta laranxa no litoral da Coruña e de Pontevedra. Na Mariña, de menor intensidade, con mar combinado con ondas de máis de catro metros.
En terra, a maior parte do territorio galego permanecerá en aviso amarelo por chuvias abondosas e refachos fortes de vento de máis de 80 quilómetros por hora.