Alerta para este venres por temporal costeiro no litoral da Coruña e Lugo

1 minutes read

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir deste venres ao mediodía dará comezo un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa por mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros na costa da Coruña e na Mariña lucense. No litoral de Pontevedra o aviso será de nivel amarelo por mar combinada do noroeste con ondas de 4 a 5 metros.  

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Lembran a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.