Unha persoa perdeu a vida e outras dúas resultaron feridas de consideración debido a unha colisión entre un camión motobomba e un turismo en Cerdedo-Cotobade.
Como consecuencia do impacto, a vítima mortal quedou atrapada no interior do turismo, polo que foi necesaria a intervención dos bombeiros.
O sinistro produciuse ás 09:15 horas desta mañá, tal e como indicaban varias persoas particulares que contactaban co 112 Galicia para dar conta do accidente rexistrado na PO-233, no punto quilométrico 11. Segundo indicaron, no interior do coche viaxaban tres persoas, posiblemente, algunhas delas atrapada. Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias avisaron aos Bombeiros de Pontevedra, aos membros do GES da Estrada e Bombeiros do Salnés, que, efectivamente, procederon a excarceración da vítima.
Pola súa banda, os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias evacuaron aos outros dous ocupantes do turismo que presentaban lesións de consideración. Para atención dos feridos o Servizo Sanitario puxo a disposición o helicóptero medicalizado con base en Santiago.
Os servizos de emerxencias contaron ademais co apoio dos axentes da Garda Civil de Tráfico e Protección Civil da localidade.
Colisión entre un coche e un autobús en Vigo
Tamén en Vigo, os bombeiros tiveron que intervir para liberar a unha
persoa que quedou atrapada dentro dun turismo logo de colidir cun
autobús na Estrada de Camposancos.
O sinistro ocorreu pouco antes do mediodía, como indicaron os veciños que chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda.Decontado, o persoal do 112 informou aos bombeiros da cidade co fin de rescatar á única ocupante do turismo e único ferida no accidente, xa que os pasaxeiros do autobús resultaron ilesos.
Ademais dos bombeiros, o 112 avisou aos servizos sanitarios de urxencia e aos axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local.
Accidente en Arteixo
Dúas persoas resultaron feridas a causa de senllos accidentes rexistrados en Arteixo e Vilalba.
Como consecuencia dos impactos, ambos os dous condutores quedaron atrapados e necesitaron da axuda dos bombeiros para saíren dos vehículos.
O máis recente dos sinistros produciuse esta madrugada na AC-552, ao paso pola localidade coruñesa de Arteixo. Desde alí, un veciño chamou ao 112 Galicia para pedir axuda para o condutor dun coche que se saíu da vía e quedou envorcado na cuneta.
Precisamente, a posición na que quedou o vehículo impedía acceder ao ferido, polo que desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos Bombeiros de Arteixo co fin de excarcerar ao condutor e facilitar a atención por parte dos profesionais sanitarios.
Unha vez liberado, o ferido foi evacuado nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias para ser atendido no centro hospitalario de referencia das lesións provocadas polo impacto, concretamente na cabeza, con pequenas perdas do coñecemento.
Un vehículo envorcado na rotonda de Grandisca
Moito antes, nas últimas horas do día de onte, o 112 Galicia tivo
coñecemento doutro sinistro localizado no acceso ás autovías AG-64 e
A-8, no concello lucense de Vilalba. Novamente, un particular deu conta
do suceso mediante unha chamada ao 112 Galicia pasadas as oito da tarde
de onte.
Segundo explicou, un vehículo saíuse da vía e envorcou na rotonda de Grandisca, polo que foi necesaria a intervención dos bombeiros do parque da vila para rescatar ao condutor atrapado no interior. Cando foi liberado, o único ocupante do turismo foi evacuado ao centro hospitalario de referencia para ser atendido das lesións provocadas polo impacto.
Ademais, os bombeiros aclararon que o coche simplemente fumegaba e non ardía como se pensaba inicialmente.
Evacuado un colexio de Neda
Os nenos do CEIP San Isidro foron evacuados, esta mañá, tras arder diversos papeis que se atopaban dentro dunha aula.
Ocorreu pasados uns minutos das 11:30 horas cando o propio centro informaba ao 112 Galicia dun incendio. Ademais, indicaban no seu relato, que os alumnos, por precaución, foran evacuados da aula. Axiña, púxose o suceso en coñecemento dos Bombeiros de Ferrol e Narón, do servizo sanitario de urxencia e aos axentes da Garda Civil.
Así mesmo, informouse a Policía Local, Protección Civil da localidade e aos membros do GES de Mugardos que, finalmente, indicaron que no incendio arderon uns papeis, o que provocou moito fume na aula.