O pasado mes de outubro detectouse nunha granxa de visóns de Carral un gromo de gripe aviaria que fora quen de mutar, conseguindo pasar de aves a mamíferos e infectando estes últimos. O gromo provocou unha elevada mortalidade entre estes animais e finalmente obrigou a sacrificar aos 52.000 visóns americanos desta granxa, situada ademais ao aire libre, o que incrementa o risco de contaxios a outras especies.
A revista europea sobre vixilancia, epidemioloxía, prevención e control de enfermidades infecciosas (Eurosurveillance) vén de publicar un informe que detalla as características deste gromo e riscos asociados a el, facendo fincapé na mutación que se produciu. Na elaboración do informe participaron científicos da Xunta de Galicia, do Laboratorio Central de Veterinaria de Algete e do Istituto Zooprofilattico Sperimentale delle Venezie, laboratorio europeo de referencia para a gripe aviaria.
A investigación achou unha mutación pouco común denominada T271A, que aparecera no virus da gripe porcina que provocara unha pandemia en humanos no ano 2009. O informe alerta de que a mutación T271A “pode ter implicacións para a saúde pública”. Nos últimos tres anos a aparición de varios gromos de COVID-19 en visóns americanos en granxas de toda Europa elevou a preocupación sobre a posibilidade de que nestas instalacións se produzan mutacións perigosas de patóxenos que poden acabar afectando a outros animais e tamén aos seres humanos.
Porén, para as organizacións ecoloxistas as medidas foron consideradas insuficientes, e ADEGA instou a pechar todas as granxas de visóns existentes en Galicia, lembrando que estas instalacións “son unha bomba biolóxica que non só poñen en risco a biodiversidade autóctona, senón tamén a saúde pública ao seren gromos e focos de transmisión de enfermidades como o COVID ou a gripe aviaria”.