Nin sequera a choiva puido impedir que 200 deportistas se deran cita, este domingo, no XIII Duatlón de Reis. O remate da proba coroou a Alexandre Otero Iglesias (licenza temporal dun día) e a María del Mar Delgado González (Club Tríatlon Ferrol) como gañadores absolutos das categorías masculina e feminina. Otero Iglesias chegou á liña de meta conseguindo un tempo de 01:32:29. Delgado González fixo o propio no 01:58:53, unha marca que lle valeu para conquistar este título por segundo ano consecutivo.
No Sub-23, o primeiro posto foi para Antonio Souto Prieto, do Club Tríatlon Compostela. Doutra banda, na categoría de veteranos ocuparon o podio Marcos Mayo Figueira (Tríatlon O Treito) e Ana María Vilas Pérez (Club Tríatlon Compostela). No apartado de relevos, puntuable para o circuíto galego, David Pérez Castro e Uxío Canosa Canosa (C.C. Os Esfola Arrós) conseguiron o mellor tempo con 01:31:29 na categoría masculina, Maruxa Gemperle Ares e Sabela Rey Miguens (independente-Club Olímpico de Vedra) fixérono na feminina e María de la Barca Toba Suárez e Ramiro González Franco (A.D. Tri-Penta Terras de Lugo- Tríatlon Costa da Morte) na mixta. Por último, entregouse un recoñecemento a David Calzas Insua (Tríatlon Costa da Morte) na categoría local.
Desde o Concello de Vimianzo celebran o gran “éxito” asinado, un ano máis, neste certame, que atraeu a deportistas de toda a xeografía galega.