Alexandre Otero Iglesias e Bea Barroso Pérez gañan un moi concorrido e rápido Trail de Lousame

De récord. Así pode cualificarse a edición de 2025 do Trail de Lousame, o máis concorrido da súa historia con 512 atletas, un 19% máis ca na edición anterior. A maiores, a proba curta foi tamén a máis concorrida destas nove edicións, con 338 participantes xa que a organización viuse obrigada a autorizar 50 prazas adicionais para dar resposta á demanda por parte de atletas de toda Galicia. E o terceiro récord caeu da man do gañador absoluto da proba: Alexandre Otero Iglesias, que non só lle arrebatou a Elpidio Gómez o récord que posuía dende 2021 (2 horas 1 minuto e 41 segundos) senón que se converteu no primeiro atleta en baixar das dúas horas no Trail de Lousame.

O tempo acompañou, o que facilitou o récord de participación. Iso si, a saída do Trail Longo das 10:00 horas tivo lugar a cero grados, o que fixo que todos os atletas sen excepción elixiran o interior do polideportivo Pilar Barreiro Senra para facer os seus exercicios de quencemento. Segundo foi pasando a xornada, o sol comezou a brilar e a temperatura quedou nuns agradables 16 graos. O alcalde de Lousame, Esteban Ares García, foi o encargado de dar a saída das dúas probas, agradecendo tanto a participación dos atletas presentes como poñendo en valor o traballo dos técnicos municipais e dos máis de sesenta voluntarios e voluntarias que se encargaron de que todo se desenvolvera sen incidencias.

A proba foi a primeira organizada en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, polo que os participantes acadaron os derradeiros puntos do ano para o circuíto Galicia Trail Running Series. Unha puntuación que pechará as clasificacións oficiais de finais de ano e que serán recollidas na Gala Anual da Federación.

Trail longo

Alexandre Otero (Sociedade Deportiva Barbantia Roda) fixo bos os prognósticos e venceu en Lousame cunha autoridade abrumadora e parando o crono nuns incribles 1 hora 57 minutos e 28 segundos que pillaron descolocados a máis de unha persoa do público, que non agardaban tal fazaña. De feito, o actual campión galego de Carreira por Montaña entrou na meta en solitario e con pouco público aplaudíndolle. “Fomos todos xuntos ata a Muralla e aló comezou o embudo. Escapei aló, baixando o cortalumes e pouco a pouco ata a meta”, declarou un Alexandre Otero, cunha tranquilidade que para nada semellaba ter rematado de percorrer 25 quilómetros con 1.140 metros de desnivel. Esta é a súa segunda vitoria no Trail de Lousame, despois da acadada en 2022 cun tempo de 2 horas 7 minutos e 38 segundos. Hoxe rebaixou en 10 minutos e 10 segundos esa marca.

O extraordinario tempo de Alexandre Otero sorprende aínda máis se se ten en conta que o segundo clasificado e gañador da edición de 2024, Damián González Castro (Boiro), marcou 2 horas 1 minuto e 17 segundos. É dicir, rebaixou en 24 segundos o récord establecido en 2021 por Elpidio Gómez. Incluso o terceiro clasificado, Federico Losada Conde (Club Deportivo Biosbardos) estivo a piques de rebaixalo, pois parou o crono en 2 horas 1 minuto e 47 segundos. De feito, ata o récord de Elipio Gómez, ninguén baixara das 2 horas e 6 minutos en Lousame. Hoxe o seis primeiros clasificados rebaixaron ese tempo, o que dá tamén unha idea do nivel dos atletas participantes e do extraordinario ritmo da proba.

Unha rapidez que non se repetiu na proba feminina, moito máis lenta ca en edicións anteriores. A vitoria foi para Bea Barroso Pérez (Club Atletismo Noia) cun tempo de 2 horas 37 minutos e 48 segundos e no posto 50 da xeral. Deste xeito, a atleta noiesa mellora o segundo posto do Trail Curto de 2023. Completaron o podio Lucía Peón Santomé (Atletismo Arenteiro. Lalín) e Shirley Carolina Garcés Soto (Traileros Toxos&Birras), cuns tempos de 2 horas 39 minutos e 20 segundos e 2 horas 42 minutos e 20 segundos.

Trail curto

Onde ninguén repetiu triunfo foi no Trail Curto, onde destacou a ausencia do nicrariense Rubén Martínez Mayo, gañador nas cinco edicións nas que participou e campión das dúas últimas. Iso si, o seu récord non foi batido este ano, nunha proba dominada por Adrián Sesar Míguez (Club Atletismo Santiago), quen cruzou a meta cun tempo de 1 hora 7 minutos e 17 segundos. Maxi Oubiña Falcón (Club Atletismo Cambados) subiu un peldaño do podio con respecto a 2024, entrando en segunda posición cun tempo de 1 hora 7 minutos e 52 minutos. Completou o podio o padronés David Seage Danza, que cruzou a meta cun tempo de 1 hora 9 minutos e 27 segundos.

Na categoría feminina a vitoria foi para Julia Salvado Diéguez (Sociedade Deportiva Compostela Atletismo), cun tempo de 1 hora 22 minutos e 47 segundos. Apenas 19 segundos despois entraba en meta a teense Carmen Rodríguez Villaverde; mentres que o terceiro posto foi para a pontevedresa Nerea Castro Nogueira, que entrou da man da súa irmá María Saleta Castro Nogueira, marcando un tempo de 1 hora 24 minutos e 32 segundos.

Entrega de premios

Os premios foron entregados pola tenente de alcalde, Silvia Agrafojo; a concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo Nieto; o concelleiro de Seguridade Viaria, José Antonio Ces Barreiro; e Pablo Roo, xerente de Futuránea, empresa local e patrocinador principal do Trail de Lousame 2025.

Ademais dos trofeos aos 3 primeiros clasificados, masculinos e femininos, de cada Trail, tamén se entregaron distincións aos mellores clasificados locais: Elena Torea Torea (Club Atletismo Lousame) e Manuel Gómez Gómez no Trail Longo; e Fran Oviedo Bouzas (Club Atletismo Noia) e Andrea Gómez Tubío. Elena e Fran repiten distinción por terceiro ano consecutivo. O premio ao club máis numeroso foi novamente para o Tribu Trail, despois de que na edición pasada fora superado por primeira vez polo Traileros Toxos & Birras.

Antes da entrega de premios, as persoas presentes compartiron unha ración de lentellas e uns choripáns, acompañados de froita variada, auga e bebidas enerxéticas. Dende o Concello de Lousame agradecen especialmente a colaboración dos máis de sesenta voluntarios e voluntarias, sen cuxa axuda non tería sido posible o desenvolvemento da proba. Un agradecemento extensible a: Cruz Roja Noia e Protección Civil de Lousame.

O Trail de Lousame está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación Provincial da Coruña, a Xefatura Provincial de Tráfico e a Federación Galega de Atletismo. Conta co patrocinio de Futuranea, Hoka One One, Tarrío & Suárez Obras e Contratas, Gadis, Horban Hormigones; Fermín Simal SL, Atmósfera Sport, Alqui Noia e Construmarc Obras.

Related posts

Detectado un foco de gripe aviaria en ave silvestre en Oleiros

Tres rércords da A.D. Fogar en Expourense no Control de Marcas da FGA

Miles de persoas acudiron este sábado en Sigüeiro a ‘O Pepotazo’, a maior festa pre-fin de ano de Galicia